Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A Proposito de Cuba, da Feira do libro e da presenza de Galiza

na-lua-2.jpg

A verdade e que ca desfeita, e a herdanza que lle deixaron a Conselleira Anxela Bugallo ( Lembren que os orzamentos para Cultura por mor do Sr. Conselleiro de Cultura da era Fraga, e do mesmo Fraga, eran exiguos...Papáranos ou decian invertilos na Mega-proxecto , que nin Pérez Varela, nin Fraga aclararon nunca...) xa ten mérito que a internacionalización da Cultura da nosa nazón, sexa difundida e interrelacionada deste xeito. Máis unha vez queda amosado que non todo e cuestión de cartos...Con inxenio, con ideas, e sobor de todo con vontade política podemos amosar ó mundo a nosa identidade, a nosa secular cultura e a vontade de seguír decindo que no noroeste do estado español temos unha nazón diferenciada e que ten vontade de se dar a coñecer e de se enriquecer no intercambio.

Paréceme moi axeitado o artigo de Manolo Rivas, que recorda a súa orixe coruñesa e fai un canto daquelo que fora do chan patrio todos cantabamos e cantamos...Vivir na Coruña que boniito é , andar de parranda e dormir de pé...

Máis eu engádolle : Que bonito é saberse galego en calquer parte do mundo, i exercer de tal, sin complexos e ca paciencia de explicar de donde vimos, quen somos e os nosos obxetivos como seres humans...Vivindo e abrazando valores de solidariedade, de respecto o medio e as persoas e de man tendida a os nosos semellantes...E sendo así respetuosos con todos, acadaremos o respecto de todo o mundo para nos mesmos. Non si?.
Pero o xusto agora e difundir o pensamento de Manolo Rivas. O Vello Pancho .

"Cuba, Galicia e o complexo de Procrustes", un artigo de Manuel Rivas

manuel-rivas.jpg

Procrustes era fillo de Posidón, tiña unha fonda entre Mégara e Atenas. Alí había dous leitos: un longo onde facía deitar os hóspedes de pouca estatura e estirábaos até que acadaban o tamaño do leito, e outro máis pequeno onde acomodaba os máis altos e cortáballes as pernas, ou a cabeza, para axustalos á medida da cama.

En Galicia, no eido informativo, temos algúns curiosos personaxes que actúan como Procrustes. Estiran o que lles convén. Mais á hora de cortar soamente teñen unha obsesión: a cultura galega.

Na sala Nicolás Guillén, da Feira do Libro de La Habana, atopei, entre outros convidados, o italiano Claudio Magris e o mexicano Paco Ignacio Taibo II. Dous grandes escritores, respectados mundo adiante pola altura do que escriben e do que pensamento que transmiten. Estaban moi ben impresionados pola presenza galega. Galicia era a cultura invitada este ano. Galicia como epicentro desta gran Feira, que está a evolucionar como un hábitat excepcional en América Latina. Unha presenza que se estendeu e fixo vibrar a grande urbe do Caribe con espazos musicais, exposicións artísticas, obradoiros de ilustradores, experiencias cruzadas na realización audiovisual, actuacións inesquecíbeis de contacontos, posta en marcha de intercambios universitarios e acordos para catalogar, dixitalizar e garantir a conservación da inmensa herdanza documental da emigración galega en Cuba.

Ía preguntar a Magris, autor do mítico Danubio e de Microcosmos, e a Taibo II, que vai para clásico da serie negra, se non tiñan medo que ao volver ao seu país os agardaran os Procrustes co serrucho de cortar cabezas ou lobishomes políticos cos caíños afiados polas eleccións. Mais non preguntei. Se eles dicían "todo ben", non ía ir eu co meu mal du pays ao lombo. Qué irían pensar se lles falo de que un dos menús preferidos en certas mesas galegas é o do "churrasco de escritor autóctono"? Mesmo como os escritores convidados a Cuba tiñan que pagar do seu peto xantar e cea pois aínda estiven a piques de propoñer un auto-churrasco. Mais calei. Se cadra Magris e Taibo II dirían: E logo estes aínda andan polo punkismo máxico!

Estiven dous días e medio en Cuba. Vivín con interese profesional e humano o que alí me tocou vivir. Era un escritor entre libros, nunha feira do libro que era unha romaría incesante de lectores a todas horas. Ducias de milleiros de persoas, mozos e vellos, e moitas familias con rapaces cobizosos de contos. Os espazos naturais do recinto convertéronse en prados de pequenos lectores, silentes, concentrados nas novas xanelas que tiñan entre mans, experimentando o que Clarice Lispector chamou "a felicidade clandestina".

Non nos enganemos. O problema non é Cuba. O problema para algúns é a cultura galegaO primeiro compromiso do escritor é escribir. Mais a súa primeira ferramenta é escoitar. Tamén a do xornalista. É un bo momento para escoitar en Cuba. Oír o rumor da xente. A segunda ferramenta é rumiar. O escritor ten que rumiar como unha vaca, dicía Saul Bellow. E aquí estou agora, a rumiar como unha marela, adestrándome para o churrasco.

Eis o meu rumiar. É o papel dun escritor e un xornalista sumarse á lei Helms-Burton, sumarse ao bloqueo unilateral de Estados Unidos, negarse a escoitar o rumor da xente cubana, tratar o pobo lector cubano como apestado, pórlle un estigma a escritoras e escritores cubanos desexosos de comunicarse e debater, confundir a sociedade cun réxime? Nin o libertario norteamericano Noam Chomsky nin moitos outros librepensadores de todo o mundo pediron permiso aos falcóns para coñecer Cuba en vivo e procurar dicir o que pensaban. Na sala Nicolás Guillén, no encontro cos lectores, o luns 18, o que isto escribe dixo na súa intervención que a enerxía da literatura é a liberdade e que o único partido que debería ser único é o dos dereitos humanos.

Imos rumiar, si. Imos rumiar unhas cantas verdades e mentiras.

Á Feira do Libro de La Habana, dende 1998, asistiron como países convidados México, Italia, España (2001), Francia, a Comunidade Andina (Bolivia, Ecuador, Perú), Alemania, Brasil, Venezuela. O ano pasado foi Arxentina. E o vindeiro ano, 2009, o país invitado é Chile. As de Arxentina ou Chile son menores? Arxentina é terra de bos churrascos, mais o actual menú nacional non é o do solombo de escritor. Falar, pois, de que Galicia foi convidada porque non había onde escoller é unha falsidade e un episodio máis do complexo de Procrustes. Galegos de elite a achicar Galicia. Empeñados en mantela na cama pequena. É por vez primeira que se convida a cultura dunha comunidade que non é Estado independente. Foi unha oportunidade para a proxección de Galicia e tamén a esperanzadora aplicación dun criterio que debe guiar a diversidade futura: por qué as culturas teñen que estar suxeitas ás fronteiras políticas? Houbo unha coincidencia feliz, coido que non casual: a feira deste ano homenaxeou ao escritor cubano Arrufat, proscrito ou marxinado durante anos no seu propio país.

Penso xustamente o contrario do que tantos Procrustes teñen dito, mesmo en ton intimidatorio e alcumante: ir a Cuba nesta delegación era e é unha misión obrigada para un escritor demócrata. Qué mellores froitos levar e qué mellor emblema para representarmos que unha cultura que agroma en liberdade?

Non é certo, como se ten publicado estes días, que Andalucía fora invitada en anterior edición e que só acudira o presidente cunha delegación de oito persoas. Andalucía si estivo como cultura convidada na Feira de Guadalajara, México, no 2006 e estiveron presentes 60 escritores e unha delegación artística dunhas 300 persoas. Entre outros, e con gran éxito, levaron o Ballet Flamenco de Andalucía. O seu orzamento inicial foi de millón e medio de euros. Cando se fala de 200 persoas na delegación galega a La Habana ocúltase un dato esencial: a participación da Real Filharmonía de Galicia. Un dos concertos da Filharmonía, con Carlos Núñez de convidado solista, ficará como un dos fitos na proxección internacional da cultura galega. Como a actuación de Mercedes Peón e Nordestin@s. Uxía encheu a praza de San Francisco. Abe Rábade foi celebrado no Festival de Jazz. E algo saben os cubanos de música. De Miguelanxo Prado, co seu De profundis, a Quico Cadaval, que mesmo fixo rir aos mortos do "inmenso camposanto de La Habana" (xacen alomenos 50.000 galegos), o amplo abano da representación cultural foi dirixido ás maiorías. Mágoa que os Procrustes presentaran como unha excursión inútil o que debería ser un motivo de orgullo. Como non estar orgulloso dun país que envía libros e non armas?

Non nos enganemos. O problema non é Cuba. O problema para algúns é a cultura galega, a incomprensión fonda do que unha cultura é. Como mellor faciana dun país. Tamén como recurso esencial nunha economía sostibel. Iso sábeo calquera hoxe no mundo, agás os Procrustes da cama pequena. Se os expedicionarios foran, por exemplo, empresarios ou unha misión relixiosa subvencionada, os Procrustes estirarían a cousa en cama grande. A min, a verdade, tanto me ten. Eu son da Coruña e durmo de pé.


Chúzao | del.icio.us

Un Comentario »

  1. o+vello+pancho... — 25-02-2008 - 10:59:51 GMT 2

    O Vello Pancho non debe de andar moi desacertado nas suas opinions, cando xentes como Manolo Rivas ou o mesmisimo galego proposto ó nobel de literatura X.L.Méndez Ferrín opinan do mesmo xeito, e vexan ahí a prensa do día con a colaboración de Ferrín :

    POLA ROTA DE BREOGAN

    X.L. Méndez Ferrín
    Comentabamos eiquí na pasada sesta feira a presenza estelar de Galicia na Feira Internacional do Libro desa Habana da que tantas ideas e iniciativas boas para Galicia teñen saído, xeralmente do desagrado da parte cavernaria do

    País. Debémoslle, pois, agradecemento hoxe ao goberno cubano cuxas autoridades culturais designaron o noso como País especialmente invitado. Nun País que ten algúns habitantes empeñados en non querer ser País que haxe un País que o considere País non deixa de constituir unha boa inxección de auto-estima, que é o contrario do auto-odio na terminoloxía psico-social contemporánea. Tamén os que consideran que Galicia é Nación deben de lle agradecer moito á Xunta, e especialmente a Conselleira de Cultura Anxela Bugallo, que ela soubese estar á altura das circunstancias e lles representase a multitude de xentes chegadas á Habana desde todo o mundo que Galicia, existe realmente.

    A visibilidade de Galicia no panorama internacional cobrou nitidez a outra semana en Vigo, ou sexa sobre as ondas do mar de Vigo. O buque da súa Maxestade Británica Lancaster viaxou de pé feito ou sexa ex professo para que na súa cuberta tomase posesión a nova Cónsul do Reino Unido en Galicia. En presenza do comandante (catro galóns e coca) do barco, a embaixadora británica en Madrid, Denise Holt, fixo un belo discurso que en parte reproduciu a prensa. Falou da presenza, de súbditos (así se chaman a eles mesmos) británicos en Galicia e da etapa de relacións británico-galegas que se vai abrir coa nova orientación do consulado, con sede en Vigo. "Galicia e o Reino Unido comparten cultura atlántica e pasado celta", parece que concluiu a embaixadora, que demostrou saber de nós e das navegacións contadas no lebor Gabála e das relacións de Fisterra a Fisterra das que falara Paulos Orosio e que figuran secretas no interior do noso Himno. Lucy Watson, a cónsul recen nomeada, dixo coñecer Galicia ben e prometeu chegar a coñecela aínda mellor. Moitas grazas e beizóns a estas dúas señoras por recoñecer en a nosa existencia e agradecidos tamén ficamos ao Amirantado que ordenou a viaxe dunha súa fragata para que o acto de institución do Consulado británico en Galicia ostentase a relevancia formal máis alta. Naturalmente, a Madrid nunca podería ser enviado un navío de guerra. Con todo, este cronista non esquence que, na outra banda do noso mar, Irlanda do Norte continúa ocupada.

    Galicia está a dar pasos firmes e seguros no camiño que rematará con recoñecemento mundial da súa realidade social, pasaxística, histórica, cultural e linguística. Lonxe quedan os tempos nos que os turistas marítimos corrían en Vigo a mercar recordos en forma de bailarinas andaluzas, touros e toureiros e chapeos mexicanos.

TrackBack URI

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>