Finou o historiador Lois Obelleiro
Benquerido/a camarada:
Hoxe xoves 21, faleceu o noso compañeiro Luís Obelleiro Piñón, membro do Secretariado Político do Comité Central da UPG e do Consello Nacional do BNG.
O seu corpo permanecerá no Tanatorio de Soutomaior, na Estrada de Soutomaior (en dirección ao Castelo de Soutomaior, á beira do Campo de Futbol e do Cementerio de Salgueirón), até as 5.30 da tarde de mañán, venres.
A esa hora, puntualmente, realizarase un ACTO DE HOMENAXE na explanada que está diante do Tanatorio. Prevese que se desenvolva do seguinte xeito: Interpretarase a Marcha do Antigo Reino de Galiza e, de seguido, intervirán:
- Francisco Rodríguez Sánchez.
- Xesús Seixo Fernández.
- Bautista Álvarez.
Ao remate, interpretarase o Himno galego.
Posteriormente o cortexo partirá para incinerar os restos do noso camarada.
[Nota]
Para quen veña do norte de Galiza deberá tomar a saída 137 -cara a N-550- en dirección Redondela, (a caixa de peaxe da dereita "Todas Direccións"). Unha vez na estrada Nacional-550 en dirección Redondela a 4 Km., á altura de Arcade, virar á esquerda pola rúa Rosalía de Castro e despois á dereita pola Avda. de Xosé Solla (PO-244/PO-2909). Subindo por esta Avenida, a 300 metros, coller á esquerda pola "Escalinata de Soutomaior" (é a estrada de Soutomaior, que conduce ao Castelo). A 1,5 km aproximadamente xa atoparás ao pé da estrada o Tanatorio.
Se alguen ten dificuldades coas indicacións pode chamar ao teléfono permanente do Tanatorio (636 244 966).


Chúzao
del.icio.us




![Validate my RSS feed [Valid RSS]](http://revirate.nireblog.com/blogs/revirate/files/valid-rss.png)














DEIXO ACO UN COMENTARIO CUALIFICADO DE QUEN DEPARTEU HORAS CON LOIS OBELLEIRO, E O MEU HOMAXE POSTUMO, DIVULGAR A FIGURA DESTE COMPAÑEIRO, QUE SEMPRE PUXO ORELLA PARA ESCOITAR, E QUE NUNCA DEU A ESPALDA A NADA...FORXOUSE NAS MELLORES MILITANCIAS DO COÑECEMENTO O SERVIZO DA SUA CLASE...VELAHI UN ARTIGO DE MANOLO MERA :
Unha vida entregada á causa nacionalista
Faleceu Lois Obelleiro
Os gaiteiros tocan o himno do antigo Reino de Galiza, mentres a familia leva nos ombreiros o cadaleito (cuberto coa bandeira nacional con estrela vermella) de Lois Obelleiro, desde o Tanatorio até unha aira que hai diante e na que se vai celebrar o acto de homenaxe. Escoito numerosos choros, verbas de agarimo e dor, e a moitos fúxenos unha bagoa pola emoción do momento, polo camarada, compañeiro e amigo que se perde. Hai no lugar unha morea de xente, coido que máis dun millar, familiares, numerosos cargos institucionais nacionalistas, dirixentes de organizacións sociais, entre eles algúns militantes sindicais dos primeiros intres que facía moito que non atopaba, e moitos veciños. No acto falaron varios compañeiros de militancia política e social, entre eles Suso Seixo, o secretario xeral da nosa central, que fixo referencia ao seu traballo no eido sindical e ao seu patriotismo e compromiso coa clase obreira. Despois, pra pechar o acto o himno galego, e non poucos puños erguidos.
O xoves pasado, 21 de febreiro, falecía o patriota galego, Lois Obelleiro Piñón, aos 55 anos de idade despois dunha longa enfermidade. Destacou de mozo no deporte, xogaba ao fútbol, e sempre foi unha persoa animosa, co sorriso nos beizos, algo que non era moi común daquela (e aínda hoxe) na xente que militaba en política, sexa a nivel partidario ou nunha organización social. Sempre estaba aberto ao dialogo, desde unha firmeza nacionalista inquebrantábel. Sempre pensei que debeu ocupar cargos de máis responsabilidade política, máis cedo e máis tempo, porén as veces estas cousas son como a vida as vai marcando.
Obelleiro participou nos primeiros pasos do SOG e da ING, especialmente en Soutomaior e nos concellos veciños, e tocoulle vivir o trago amargo da loita do “can e a vara”, que no ano 1977 dividiu a mariscadores de a pé e aos que rastrexaban desde barcos con motor, dando lugar a graves conflitos, especialmente na ría de Vigo. A ING procurou una síntese de intereses que non era real máis que no papel, e esto tivo un custe sindical naquel intre. Obelleiro acatando a disciplina non deixou de comentar as eivas e atrancos da proposta, como tamén o fixemos outros, aínda que non valeu de moito diante dos razoamentos técnicos que se esgrimían como definitivos.
Lembro como en 1977 apresentoume aos irmáns Parra e Manola (tamén a Alberte?), que traballaban en Pontesa. Axiña gañouse unha gran afiliación na empresa, e noutras da comarca(na Ferrería, na construción, etc.), e abrimos un local en Arcade, que funcionou durante uns anos. Ademais non esquezo, naqueles primeiros anos despois do remate da ditadura, o incidente co alcalde de Ponte Caldelas que nos agrediu nun bar da vila, xunto con algúns esbirros, despois de que visitaramos a súa empresa en Caritel pra lles falar aos traballadores da ING. Coido, xa que o tempo borra detalles da memoria, que tanto el como Sobral (de Pontesa), os dous mozos fortes, devolveron golpe a golpe. Tamén deste xeito houbo que enfrontar o que latexaba aínda da etapa franquista. Noutro ámbito de traballo, mais partidario, foi el o encargado da organización do primeiro Congreso da UPG en Arcade. A Garda Civil impediu a súa realización, polo que se rematou clandestinamente no que fora unha granxa de polos en Budiño (O Porriño).
A finais de 1978 decidimos unir as comarcas e organizar a central sindical en provincias, atendendo á estructura dos convenios e dos organismos públicos. A direción provincial de Pontevedra, elixida o tres de novembro, estaba composta do seguinte xeito: secretario de zona, Manuel Mera; implantación zona norte, Lois Obelleiro; implantación zona sul, Xesús Chaves; finanzas, Anxo Goberna; convenios, Agustin Malvido; prensa e propaganda, Rosa de la Parra; Vigo, Xavier Alonso; Porriño, Carlos Alonso; Salnés, María Xosé Fariña; Pontevedra, Victoria Fernández; Morrazo, Xosé M. Blanco; Metal, Isidro López e Miguel Vázquez; téxtil, Uxío Chapela; Químicas, Anxo Soto; Construción, Carlos Recondo e Estanislao Sotelo; SGTM, Xosé Henrique Fernández; Comercio, Olaia Fernández Davila. Como se pode ver ademais de Obelleiro había na direción da central na provincia varias compañeiras e compañeiros. Despois terían un papel sobranceiro no eido político partidario, que outros compañeiros poden valorar millor, desde o coñecemento que dá o seguimento cotiá.
Vou contar outra anécdota, que reflicte un chisco da personalidade de Obelleiro. Fun falar con el por un tema sindical, fai desto dúas décadas, en pleno proceso de eleicions políticas. Atopámonos e díxome que podiamos conversar mentres facía reparto de propaganda polos arredores. Lembro como petaba en todas as casas, unha a unha, falaba con cada veciño, á marxe das súas simpatías políticas, con naturalidade e argumentaba o porque debían votar nacionalismo. Posuía unha formación extensa, dáballe especial significación á historia na formación da conciencia colectiva. Ese afondar nas cousas alargábase tamén política, era dos que ofrecía argumentos, dos que lle daba voltas aos temas.
Lois Obelleiro tiña engado persoal, era teimoso, atrevido, preocupáballe a formación, porén nunca á marxe da practica, e non se deixaba vencer polas dificultades nun tempo en que os resultados non sempre eran bos. Era un estudoso, escribía, mais nunca fixo ostentación de esta cualidade nen dos cargos que ocupou. Un mérito non menor, sobre todo neste tempo histórico. Foi dos que traballaron moito pola construción do sindicalismo nacionalista, dos que fixeron posíbel que hoxe a CIG sexa unha forza consolidada, combativa, non pactista, que fai da xustiza social e a soberanía nacional base da súa existencia. Hai compañeiros e compañeiras que nunca morren, viven en todos nós, son semente e futuro.