A FERVENZA DO RIO BELELLE
No século pasado as augas do Belelle eran tidas como as mellores do país para o branqueo de fías, para a elaboración do pan e para a saúde.
O seu nacemento, o seu contorno e constante nacer ten lugar en termos da parroquia de San Martiño de Goente, xurisdición de Pontedeume. Crece e crece a medida que avanza polos vales próximos a Caaveiro; baña a Sillobre e salta a fervenza.
En Viladonelle, empeza a súa grande aventura: move no século XIX unha fábrica de papel; máis adiante cede a súa forza á maquinaria da fabrica de tecidos do Roxal, a varios muíños maquieiros, a novas fábricas de papel e ás Aceas sitas xa próximo a súa fin. Entre os templos parroquiais de Santa María de Neda e San Nicolás se desliza suavemente e a súa auga sabe a sal.
As altas cualificacións que se lle deron ás augas do río Belelle fixeron que as autoridades ferrolás de entón emprenderan a magna obra da "Traída de augas" dende a Fervenza ata Ferrol, obra que se levou a cabo con gran tesón polos anos 20.
O salto da Fervenza, que so medía uns 45 metros de altura, chegouse a aumentar en 153 metros, para o cal foi remontándose en altura polos cumios do monte "Marraxón", traendo as augas de maior distancia por medio dunha canle de 2150 metros de lonxitude por un metro cadrado de sección coa súa correspondente presa de 25 metros de amplitude.
A instalación dos Fornos Reais en Neda debeuse máis á calidade da auga que a abundancia dos muíños.
No século XVII, XVIII e principios do XIX a Neda pódeselle considerar como capital do trigo en Galicia.
O maior timbre de gloria deste río, é a existencia, case na súa desembocadura na ría de Xubia, dun estaleiro. Situado onde din "a Ribeira pequena" baixo o castro cristianizado por un santuario mariñeiro no que se daba culto a San Nicolás de Bari.


Chúzao
del.icio.us




![Validate my RSS feed [Valid RSS]](http://revirate.nireblog.com/blogs/revirate/files/valid-rss.png)













