Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A VOLTA DO GALEGUISTA

 Unha comisión xestiona repatriar as cinzas de Picallo dende Bos Aires

Investigadores, profesores e un descendente do galeguista tentan recuperar a súa figura.
MARTA VILLAR.SADA "Eu quixera ir morrer a Veloy e que me enterrasen no Fiunchedo". A derradeira vontade do xornalista, político, avogado e sindicalista nado en Sada, Ramón Suárez Picallo, vaise cumprir 43 anos despois da súa morte, pois un grupo de investigadores e profesores, co apoio do Concello e a entusiasta colaboración dun herdeiro, constituísen unha comisión que xa iniciou os trámites para repatriar as cinzas deste galeguista, soterradas no cemiterio de Chacarita en Bos Aires (Arxentina).


Cumprir o desexo de Súarez Picallo e enterrar os seus restos no cemiterio de Fiunchedo con todo non é máis ca unha da inxente morea de actividades e iniciativas que vai por en marcha esta comisión co obxetivo de recuperar a esquecida figura e o significado que tivo este sadense que foi diputado durante a República polo Partido Galeguista ademais dun dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia.

O Goberno municipal de Sada quere declarar o vindeiro 2008 como Ano dos Irmáns Suárez Picallo, pois tamén foi salientable a figura de Antón, o "principal intelectual da comarca" na época, e que non é tan coñecido quizais pola súa morte tan novo, ao ser paseado en 1936, segundo relata o intelectual Isaac Díaz Pardo, un dos que coñeceron a Picallo e que saben, ao igual que o escritor Xosé Neira Vilas, do seu desexo de ser enterrado en Fiunchedo.

Entre os actos que se pensan levar adiante hai conferencias, xornadas, proxeccións de vídeos, publicación de artigos inéditos de Picallo e unha exposición que amosaría obxetos que pertenceron a este prolífico escritor, dramaturgo, editor e orador de sona. Esta comisión de recuperación da memoria de Picallo que recentísima creación ten como principal impulsor ao profesor e investigador, tamén sadense, Francisco Pita.

"Estamos preparando actos e actividades para o próximo ano e recopilando información sobre Picallo, coa axuda dun sobriño e xente de Chile e Arxentina, onde el estivo, que nos envía artigos e fotografías. Pero levar adiante todo este programa de eventos requerirá axudas do Concello, a Xunta, organismos e institucións e entidades privadas", explica Francisco Pita.

A idea xurdiu, segundo conta o profesor Pita, despois de que nas eleccións municipais formacións coma o BNG e ASU levasen no seu programa a repatriación dos restos deste ilustre sadense.

Este galeguista escribiu miles de artigos que se publicaron no seu día na América e que son totalmente descoñecidos en España. "Unha persoa en Chile ten 2.000 artigos inéditos de Picallo, dos que uns 400 se refiren a Galicia e Sada", explica o alcalde, Abel López. En Bos Aires creouse hai uns dous meses o Centro Ramón Suárez Picallo que ten como finalidade estudar en profundidade a emigración galega nese país. O seu coordinador, Hernán Díaz, está a elaborar un documental sobre a figura deste xornalista e político, con entrevistas a xente que o coñeceu.

O número 14 do lugar de Veloi, en Sada, é unha humilde casa de dúas plantas na que resaltan dúas placas colocadas no medio da fachada. Amáis recente foi colocada polo sindicato CIG, a Fundación Castelao e a Federación de Sociedades Galegas de Arxentina no centenario do seu nacemento, en 1994. A segunda estivo agochada durante moitos anos dentro da casa. "Cando Fraga era ministro de Información dixo que non se podía colocar porque no texto da placa poñía que Picallo fora político, e por esa palabra estivo once anos sen colgar", explica Ramón Tenreiro Suárez, sobriño e o último descendente directo de Picallo, que vive na casa familiar de Veloi.

Esta segunda praca foi unha homenaxe dos galegos emigrados na América no ano 1965. Cando se trouxo de Bos Aires, fíxose unha grande festa na eira, diante da casa. A praca lembra ao "bo e xeneroso" Suárez Picallo que morreu "de saudade" e "soñando con repousar no Fiunchedo".

"Suárez Picallo foi moi amigo de meu pai. Eu estiven con el a ntes e despois da guerra, en América, onde me dixo que quería enterrarse en Sada, pero non se cumpriu a súa vontade aínda que ao principio as autoridades aceptaran facelo", recordaba Isaac Díaz Pardo neste xornal en 2004. Este artista sempre denunciou o esquecemento no que caeu este ilustre sadense.

O responsable da sección de Emigración do sindicato CIG, Lois Pérez Leira, é un dos que mellor coñecen a figura de Picallo, ao pasar anos recollendo documentos e fotografías del. "A súa é unha historia para facer unha película. Foi un dos mellores oradores do país, conmovía á xente. Tamén foi un dos mellores xornalistas galegos", manifestou Pérez Leira a este xornal en 2004. Este sindicalista leva anos reclamando que se adique a Suárez Picallo un Día das Letras Galegas.

Biografía

Ramón Suárez Picallo, nado en Veloi no 1894, foi o máis vello de once irmáns. De neno foi labrador e despois mariñeiro. Sen estudos, emigrou a América con só 14 anos, onde conectou coa intelectualidade galega e ao volver a España e xa con medios económicos, sacou a carreira de avogado. De intelixencia innata, tense escrito del que acendía ás masas coa súa facilidade de palabra. En Bos Aires traballou como axudante de farmacia, mecanógrafo nunha oficina e vendedor de pasteis nos primeiros anos. Organizou naqueles anos ata medio cento de entidades sindicais. Traballou como xornalista e publicapou artigos en moitos diarios. Nunha tertulia coñeceu ao escritor Eduardo Blanco Amor, co que mantivo ata o final unha fonda e íntima amizade e que o introduciu no nacionalismo galego. Suárez Picallo organizou mitins contra a ditadura de Primo de Rivera, foi director de A Nosa Terra e doutra morea de revistas e xornais, amais de autor teatral.

Picallo coñeceu en Galicia a Antón Vilar Ponte, co que mantería tamén unha grande amizade. En 1931 participou na fundación do Partido Galeguista e deseguida se converteu, xunto con Castelao, na imaxe pública desta formación política. Con case 40 anos de idade, Picallo cursou o bacharelato e despois a carreira de avogado en Santiago, chegando a licenciarse en 1935. Acadou o acta de deputado do Partido Galeguista por A Coruña no ano 1936. Participou en máis de 170 mitins na campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia e formou parte da comisión que levou o Estatuto a Madrid, onde o sorprendeu o alzamento nacional, e fuxiu a Nova York e despois á República Dominicana, onde dirixiu un xornal, antes de trasladarse a Chile, onde traballou noutro diario e despois voltou a Arxentina.

Neste último país fixose cargo da cátedra de Cultura Galega no Centro Lucense de Bos Aires. Participou na fundación en Montevido do Consello de Galiza, xunto con Castelao, Villaverde e Alonso Ríos. Faleceu no sanatario do Centro Galego de Bos Aires o 14 de decembro de 1964.

suarez-picallo.jpg


Chúzao | del.icio.us

Non hai Comentarios »

TrackBack URI

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>