O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de Abril. O orzamento inicial destinado a este programa ascende a 230.000 euros.
A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia convoca as axudas correspondentes ao programa “Volver á casa” orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia. As prazas convocadas ascenden na presente convocatoria a un total de 336, quedando fixada a asignación das mesmas do seguinte xeito: Arxentina 200; Brasil 29; Cuba 22; Uruguai 55; Venezuela 26; outros países 4.
A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo, con carácter xeral, do 60% do custo da viaxe a Galicia. Farase cargo do 80% naqueles países nos que a base de cálculo da pensión asistencial por ancianidade no 2008 non supere os 2.110 euros anuais. O resto do importe da pasaxe será aboado polo beneficiario.
A condición de beneficiario deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.
Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de tres meses, sendo pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivados da súa estadía en Galicia. O programa realizarase preferentemente no mes de xuño.
O crédito inicialmente destinado para esta finalidade é de 230.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de Abril.
Solicitantes
Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os requisitos de ser emigrante galego, ter a nacionalidade española, residir en América; ter cincuenta e cinco ou máis anos de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos cales poidan residir durante a súa estadía en Galicia, e ter ingresos inferiores a tres veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español fixado en 2008 para o país de residencia.
As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos na normativa de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (25 de Mayo 555), Consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos Consulados ou Seccións Consulares das Embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante). Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia.
Os interesados que así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:
- En Brasil: Peña Galega da Casa de España (Río de Janeiro), Real Sociedad Española de Beneficencia (Salvador-Bahía), Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrucción (Sâo Paulo), Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro (Santos).
- En Cuba: Federación de Sociedades Gallegas (La Habana).
- En Uruguai: Unión de Sociedades Gallegas (Montevideo). En Venezuela: Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).