A nosa boa amiga Laura , muller comprometida sen horario de apertura , nin de peche mandanos este artículo que non ten desperdicio:
E unha vez máis resentimos o refugallo da lexislación do PP, do Sr. Aznar deseñada nese biénio negro que foron os seus dous últimos anos de lexislatura. E quen escrebe coñece o tecido que esta dereita españolista e carca fixo en matéria de estranxeiria naquel entón.
Tan só, e como prólogo a este breve artigo, lembremos que foi o PP, coa conivéncia do PSOE que non se alarmou en absoluto, quen eliminou catro direitos fundamentais ás persoas estranxeiras no Estado Español, a saber, o de asociación, o de folga, o de denúncia e o de sindicalización. Catro direitos fundamentais que tiveron que ser resgatados polo Tribunal Supremo,… en fin, non só unha aberración de corte fascista e xenófoba, senón que tamén unha semente de actuacións de abusos e doutras medidas que agora coñecemos.
Pois ben, nesa época do PP deseñou-se outra medida coñecida do Governo na que daban pautas de cómo debia actuar o Corpo Nacional da Policia diante dunha denúncia de malos tratos interposta por unha muller imigrante “sen regularizar” a sua situación administrativa. Pois ben, resumindo e sen faltar a verdade, é que no mesmo momento que esta muller violentada denúncie, recollerá-se a sua denúncia encamiñando-a ao Xulgado pertinente, ao tempo que se lle incoará un Procedimento Sancionador, cuxo resultado pode recaer nunha orde de expulsión, ou nunha sanción económica. Este resultado será certeiro sempre e cando, que despois das actuacións policiais e xudiciais recaia unha Sentenza ou Fallo absolutório do agresor.
Provoca perplexidade, sobrecolle, que muller violentada vai denunciar ao seu agresor se, sabendo-se que non ten “papeis”, pode recaer nela unha Orde de Expulsión?
O PP puxo hai ben tempo a semente, Rajoy segue na mesma teima nesta Campaña Eleitoral, antes as persoas imigrantes eran, segundo esa direita fascista, quen nos roubaban o traballo, a imigración era igual a delincuéncia, agora rouban-nos os Servizos Sociais básicos, mentiras, mentiras e máis calúnias. Que auséncia de memória histórica.
Como di un amigo meu, a inoráncia que atrevida é!!
Somo, Galiza, por eséncia fillas e fillos da Imigración e Emigración. A imigración, hoxe, sustenta todo o que en Galiza temos, pois elas e eles son Galiza, son parte de nós, somos nós, somos todas e todos Clase Traballadora Galega.
O acontecido en Pontevedra onde unha muller colombiana é detida pola Policia Local de Pontevedra, e foi transladada á Policia Nacional quen a detivo e puxo a disposición xudicial provoca a quen lle escreba noxo, e pánico por un presunto abuso da autoridade.
O pasado luns, en Compostela, unha muller paraguaia recebeu unha citación para personar-se nas dependéncias policiais e, alí, recebeu unha Notificación de Inicio de Expediente de Expulsión por estar indocumentada. Até ai nada que salientar, se non for, por que o venres anterior estivera ela poñendo unha denúncia nesa mesma Comisaria por perda de obxetos, entre os que estaba o seu pasaporte. Isto provoca indefensión. A actuación da Policia semella nada axeitada ao direito. Se calquer de nós precisamos un novo documento temos que previamente denunciar a perda…
E xa por último, e sen ánimo de ser reiterativa, e menos negativa, isto son froitos dunha política racista e xenófoba, e senón que lle pregunten algunhas prostitutas latinoamericanas, que recebendo a visita dalgun cliente nos seus pisos particulares, unha vez dentro identica-se como axentes da seguridade e son detidas, e, por ende, expulsadas…
Quen escrebe, fica abraiada, alarmada e acha que a imigración non é fácil, non é algo desexábel, e que desde logo as mulleres imigrantes sen papeis resultan as máis indefensas.
Laura